Comunicado do sector forestal sobre as ordenanzas municipais

Ante a proliferación de ordenanzas municipais que gravan a actividade forestal, lastran a rendibilidade dos propietarios e a competitividade das empresas, o sector quere denunciar que discriminación, provocan inseguridade xurídica e poñen en risco a xeración de riqueza nas comarcas rurais.

Estas ordenanzas impoñen limitacións e prohibicións, licenzas ou autorizacións co abono das correspondentes taxas, novos rexistros empresariais, fianzas ou avais que superan en moitos casos o valor da madeira obxecto da corta e, finalmente, deseñan un réxime sancionador.

A lei 7/2012, do 28 de xuño, de Montes de Galicia derroga estas ordenanzas municipais para os aproveitamentos forestais. Sen embargo, 80 concellos teñen en vigor esta lexislación e outros 20 queren aprobar novas medidas.

Confemadera Hábitat Galicia quere subliñar que estas ordenanzas:

—   Discriminan a actividade forestal, porque non se aplican a outros sectores primarios, nin industriais

—   Reducen a competitividade das pequenas e medianas empresas da comarca por incremento da tramitación administrativa e dos custes (taxas e avais)

—   Empobrecerán o medio rural galego, xa que os propietarios forestais obterán unha menor rendibilidade e os negocios locais (talleres, ferraxerías, bares…) verán reducida a súa actividade

—   Son oportunistas. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 52 concellos a actividade forestal representa o 30% das industrias asentadas, e noutros 6 representa o 50%. En moitos destes concellos existen estas ordenanzas e declaran a mobilización de madeira como “actividade extraordinaria”

O sector forestal espera que se cumpra a lexislación vixente e pide ós concellos que eliminen obstáculos para un sector estratéxico no medio rural galego. Só así se poderá manter a actividade económica deste sector que, no ano 2012, permitiu a máis de 54.000 propietarios galegos obter 250 millóns de euros pola venda de madeira, empregou a 20.000 traballadores e xerou máis de 50.000 postos de traballo indirectos.